miércoles, 23 de marzo de 2011

O entroido no grupo scout Khanhiwara - A Khanhiwarca de Noé


Se me dixesen que defina en poucas palabras como foi para o Grupo Scout Khanhiwara o Entroido este ano, creo que me quedaría con dúas: Esforzo e alegría. Preguntarédesvos Esforzo? Por que? Ben, como vos poderedes imaxinar isto non foi cousa dun só día así que vos explicarei como sucedeu todo:
Hai xa varias semanas chegounos a información sobre a Comparsa e tras comentalo entre os responsables puxémonos ao choio.
Empezamos cunha ardua deliberación na que todos desde o Lobeco máis pequeno ata o monitor máis maior dicían disfraces a cada cal máis enxeñoso; entre eles estaba a posibilidade de facer disfraces de Cocido, Tetris, Ristra de Chourizo e até de Dragón Chinés entre outros… pero tras longas votacións decidimos que este ano Khanhiwara disfrazásese de Arca de Noé.
comparsa1
A ARCA DE NOÉ?!!!! SI!! Xa tiñamos tema para disfrazarnos pero agora fáltanos saber Como? e Que personaxes? Xa quedaban poucos días e tiñamos que facer o obradoiro intensivo de creación de disfraces!!! Así que convocamos a tooooodas as pólas e puxémonos a crear disfraces sen parar; e todo, para que saian os mellores disfraces do Entroido (E saíron!) Houbo disfraces de todos os tipos e cores e animais tan graciosos que durante a comparsa ninguén podía deixar de mirarnos; había porcos, lobos, pitos, gatos e incluso crocodilos! E claramente non podía faltar o personaxe principal: Noé! Pero… que é Noé sen a súa Arca?
O Entroido era o martes e xa estabamos a luns e tiñamos que facer a xa tan esperada Arca de Noé, conseguimos un remolque e puxémonos de novo ao asunto. Tiñamos tanta ilusión na Carroza que non dubidamos en traballar como nunca para facer dese remolque a mellor Arca que xamais paseara polas rúas de Compostela así que, TODOS A TRABALLAR!
Dous días enteiros no Seminario Menor (Grazas!) e a colaboración de todos, desde o máis pequeno ata mesmo pais que se pasaban a “botarnos unha man”, bastaron para que case unha hora antes de comezar a Comparsa desemos por rematada a nosa Carroza de Entroido.
Aínda que como xa dixen antes, todo isto foi un esforzo moi grande pero non pensedes que non nos divertiamos, Ao revés!, sempre estabamos co máis grande dos sorrisos e non paramos de rirnos desde a primeira elección de disfraces ata a última rúa pola que pasamos coa comparsa, ISO É O IMPORTANTE!
Xa quedaba pouco, o momento da verdade, imos camiño da estación de trens que é onde empeza a Cabalgata. Nervios, présas, ilusión… todos expectantes de que chegase a carroza cos disfraces e seguisemos facendo o que máis nos gusta PASALO BEN! Disfrazámonos, montamos a música, facémonos as respectivas fotos de grupo e mesmo pasaba a tele e os fotógrafos dos xornais xunto a nós, e comezamos a andar.
comparsa4
Tras dúas horas de percorrido bailando, cantando, saltando e facendo rir ao noso querido público chegou o noso gran momento; estabamos na Praza de Galicia onde un Speaker presentounos diante do xurado e de moitísimas persoas. Unha vez máis, démolo todo, cantamos ‘o polo’, a canción do ‘diluvio’ e moitas cousas máis e para sorpresa nosa dixeron ben o nome de KHANHIWARA! (aínda que pareza irónico). A todo o mundo lle gustou moito a nosa comparsa e ahí seguimos, xa quedaba moi pouquiño de percorrido pero iamos (aínda que estabamos cansos) tan felices como o primeiro minuto. Ao chegar ao final do percorrido moitos pais esperaban dándonos ánimos e felicitándonos pola carroza e polos disfraces, tomamos unha pequena merenda para repornos e xa acababa todo. Cada un foise para casa contento pola boa tarde que pasaran e desexando que chegue de novo o Entroido.
Aínda que oficialmente non gañásemos ningún premio, todas as risas, esforzos e alegrías que nos deu o Entroido 2011 son para min e para todos os mellores premios que gañamos!
MOITAS GRAZAS POR TODO!

O Kraal de Khanhiwara, construíndo comunidade


Co gallo das festas do Entroido o kraal aproveitou para xuntarse nun kraal de convivencia que permita seguir enfortecendo as relación persoais entre os responsables á vez que se afrontaron algunas cuestión pendentes.
kraal1
09,30 a.m., C. X. Don Bosco. Sol contratado para toda a xornada e bo humor e gañas de compartir na mochila de todos (Bagheera, Baloo, Montse, Miguel, Vanesa, Segundo e tamén Miguel ángel que, aínda, non pertence ao kraal pero traballa e colabora como se o fora). Puntuais coma poucas veces antes, case todos os membros do kraal estaban alí, e dicimos case todos, porque algún membro nos agardaba xa pola provincia de Ourense.
Logo do tempo de camiño amenizado con diversidade de músicas… a primeira parada foi o mosteiro de San Pedro de Rocas e o centro de interpretación da Ribeira Sacra, onde logo dun aperitivo puidemos desfrutar desta xoia do arte, da vida monástica e da historia do cristianismo. Desfrutamos afiando, escoitando contos ao calor da lareira, coñecendo a xornada (dura, por outra banda) dun monxe…

kraal2
Sen baixarmos á fonte de san Bieito dirixímonos xa ao mosteiro de san Estevo de Ribas de Sil, o máis grande dos da Ribeira Sacra. Logo de decatarnos do diferente estado de conservación do templo respecto do resto do mosteiro, adicado agora a ser un fermosísimo parador inmortalizámonos nunhas fotos e continuamos a nosa rota que implicaba dúas paradas en sendos miradoiros do canón do Sil… IMPRESIONANTE.
Non por terse dito moitas veces deixa de ser verdade, en ocasións así –comentaban os responsables- un séntese moi pequeno. 
Para o xantar agardábanos santa Cristina de Ribas de Sil. Xantamos, atopamos familias que andaban por esa rota, incluso visitamos acompañados o templo. Non se trata de volver contar a historia deses lugares, pero verdadeiramente é apaixonante facerse unha idea da cantidade inmensa de vida e vitalidade cristiá que permitiu florecer semellantes froitos.
O café estaba reservado para Castro Caldelas acompañado de bica e visita ao Castelo e, só logo diso e superar algún percance, fomos a poñer o peche de ouro á xornada nas pozas de Outariz, onde ademais de desfrutar do grande regalo da natureza… aproveitamos para falar, compartir e seguir vendo liñas de futuro para o noso grupo.
Relaxados polo baño voltamos para Compostela, dispostos e con gañas de seguir traballando por deixar un mundo mellor.
kraal3

Acampada a Castrelo


Parece mentira que a estas alturas o feito de irse de acampada, aínda me cause nervios. Pero supoño que eses nervios sempre están, e son necesarios, indican que desexas que todo salga ben e que todos gocemos  como chinches. Cos coches cargados e os rapaces autobuseados chegamos a Castrelo, algúns con máis dificultade que outros, montamos as tendas, ceamos, boas noites e ás tendas a durmir, mañá espéralles un día duro aos pobres lobecos.

scouts1
Bos días, a almorzar que nos espera un longo día. Cos lobecos ímonos de excursión a Cambados, quen ía pensar que estivese tan lonxe... a ver unha granxa de rodaballos. Si, unha granxa de rodaballos. O bo que ten esta granxa é que non cheira a xurro e non hai pulgas. A verdade é que a visita estivo xenial, o home parecía un guía profesional. Mágoa que os lobecos estivesen cansadiños da viaxe, pero con galletas e chocolate o camiño faise menos duro. 
Ao acabar a visita, emprendemos a marcha de novo a Castrelo para comer. A volta foi menos dura, ou iso creo, e ao chegar alí esperábanos a comida. Devorámola coma se non houbese un mañá ou coma se pola tarde tivésemos que facer outra ruta... ao final resultou que si que había un mañá e que si que había unha ruta. 
A excursión proposta para a tarde estivo curiosa, o tema dos muíños aos rapaces parecía gustarlles pero pronto o cansazo fixo mella. Houbo unha imaxe que non se me esquecerá e é ver a todo o grupo cruzando estradas coma se fósemos vándalos deses que motan piquetes e barricadas para protestar por unha vivenda digna ou un posto de traballo.
O chegar a unha vila esculpida en pedra comemos un bo bocadillo de nocilla e de volta ao campamento base para facer noite. Os lobecos creo que ese día andaron uns 20 quilómetros ou máis. Debido ao tarde que chegamos ao campamento tívose que suspender o  megashow previsto que se ía a facer, pero pronto preparamos outros xogos, entre eles o tan querido “camino”.
A cousa fraguou e a verdade é que a noite saíu redonda, ao meu parecer, está claro. Esa noite non se ouviu nin un só ruído.
Era domingo, o día do Señor,así que todos colaboramos para preparar a eucaristía das 12, a que nos unimos. Acabada a misa, cos petos cheos de caramelos, tocou sesión de fotos de familia, unha partida de pichi e a comer.
Macarróns!! oh por deus, creo que houbo xente que tri-repetiu, puxémonos morados. Despois de comer cada rama tivo o seu tempo para a reflexión. 
En definitiva, unha acampada de 10, un ambiente estupentástico e con ganas de máis saídas. 
Saúdos e boa caza
Bagheera

Día de pais do Grupo Scout Khanhiwara


Degustando Compostela!
O pasado sábado, 5 de febrero, o comité de pais do grupo Scout Khanhiwara organizou unha completa xornada de actividades que deu en ser todo un día familiar e ledicioso.

diaPaisScouts1
Comezamos xuntándonos á porta do Pazo de Fonseca e recibindo a benvida da responsable de grupo, Montserrat Cuadrada e das Coordinadoras do Comité de Pais, Blanca Cimadevila e Lourdes Paz que encadraron e xustificaron o día dentro da opción país do noso grupo, seguir a descubrir e degustar a cidade na que vivimos. Nesta ocasión tocou re-coñecer algún dos espazos da Universidade de Santiago de Compostela (Pazo de Fonseca, Pazo de San Xerome e Facultade de Xeografía e Historia).
Logo da ilustrativa visita fomos ao Cenro Xuvenil Don Bosco, onde preparamos, entre todas e todos, o preciso para o xantar. Os postres compartímolos con outros convidados que había no centro Don Bosco, a Asociación de Crentes Galegos ‘Irimia’.
Foi tralo xantar que tivemos unha reunión informativa entre o Kraal e as nais e pais asistentes á xuntanza.
Co sabor do café aínda na boca construíronse os equipos para a actividade da tarde, na que nais, pais, responsables, rotas, pioneiros, rangers e lobecos tiveron que realizar dunha banda á outra cidade unha misión imposible… da que voltaron con axustados resultados que só descubrimos logo da presentación, polo seu autor, Simón Vicente López, e un acompañante, da obra “Compostela, una historia entretenida”, obra que recolle o devir histórico da cidade apostólica.
O peche final, máis oficial, supúxoo a letura dun poema de Uxío García Amor que servía de expresión agradecida da experiencia vivida, semellante á dos apóstolos na Transfiguración. Logo del, as despedidas foron realizándose progresivamente por máis dunha hora… é o que ten estar en familia!!!
Grazas e ata outra.

martes, 22 de marzo de 2011


Que é Khanhiwara?

Khanhiwara é un grupo scout, a suma de moitos soños, cualidades e inquietudes de persoas que practicamos a pedagoxía scout, o Escutismo. A finalidade principal desta pedagoxía é a de deixar o mundo en mellores condicions de cómo o atopamos, educando en valores e creando persoas activas e transformadoras da sociedade. Pertencemos a scouts de Galicia – escutismo católico galego e a súa vez ao Movemento Scout Católico (MSC).
Organizámonos en catro grupos de idades, denominados “ramas”: Lobecos (entre 8 e 11 anos), Rangers (entre 12 e 15 anos), os Pioneiros (entre 16 e 19 anos) e por último os Rotas (entre 19 e 21 anos). Todos estes grupos de idades seguen un proceso continuo a través do cal aprenderán todos os valores do Escutismo, todo dentro dun contexto diferente: cada rama con un funcionamento singular.

Como é o Grupo Scout Khanhiwara? 

O noso Grupo Scout naceu no Centro Xuvenil Don Bosco fai xa máis de 20 anos … entre rapaces, responsables e pais fomos construíndo e dando vida ao longo deste tempo.
Un elemento importante na vida de calquera grupo scout é o Kraal, a comunidade de responsables que voluntariamente doan o seu tempo, as súas enerxías e a súa creatividade ao reto da educación no tempo libre. Que ademais de traballar e dinamizar constrúense tamén como comunidade de referencia onde crecer, madurar e comprometerse humana e cristianmente. Ademais dos responsables que están na actualidade no grupo, hai moitos outros que estiveron antes y seguen colaborando y apoiando.
Aínda que sempre estiveron aí sostendo e apoiando a tarefa educativa do grupo, de novo púxose a andar o Comité de Pais, iniciativa que aglutina a algúns dos pais na animación do grupo e na proposta de actividades.

Habitualmente... 

Reunímonos no noso Centro Xuvenil Don Bosco, todos os sábados de 12,00 a 14,00 hs. Ademais facemos acampadas, de rama, de grupo, con outros grupos, campamentos (sobre todo o campamento de verán), encontros … e mioto máis.

Telf.: 606738513